Castiñeira ve “cómicas as acusacións da voceira do BNG de Pantón, asesora do bigoberno da Deputación, ao alcalde polo pésimo estado en das estradas provinciais no municipio”

524a1e833cdcf99dade04ac07d075b95.JPG

PP de Lugo | 2021-06-09

O municipio de Pantón ten algúns dos grandes atractivos que ofrece a Ribeira Sacra, tanto no que se refire a patrimonio histórico como a paisaxes. Nun momento en que a economía da comarca ten postas as súas expectativas no turismo, as estradas que vertebran este municipio, dependentes da Deputación, están en pésimo estado, cheas de fochancas e con deficiencias na sinalización que poden chegar a xerar perigo para o tráfico rodado. Por segunda vez en poucos meses, e a petición do alcalde, o grupo provincial recorreu as estradas provinciais e comprobou, novamente, as numerosas e graves deficiencias que presentan. O portavoz popular, Javier Castiñeira sinala: “En pouco tempo, o grupo provincial do PP tivo que repetir a súa visita a Ferreira de Pantón. Neste caso, tamén a petición do alcalde de Pantón, José Luís Álvarez,  porque considera que é moi grave que, no inicio da época de visitas turísticas, as estradas provinciais sexan, como son,  un impedimento absoluto para o desenvolvemento normal da actividade turística neste concello. Pantón é un municipio que é  referencia en canto a patrimonio histórico na Ribeira Sacra, berce do románico nesta zona e con paisaxes que son moi visitadas”.

 

Castiñeira explica: “Podemos dicir que existen estradas provinciais que dan acceso a enclaves moi visitados que están nun estado de abandono total, que non merece o concello de  Pantón. Falamos por exemplo da LU-P 4108, que une moitas casas rurais e dá acceso ao hotel de Augas Santas, que é unha referencia dentro dos establecementos da Ribeira Sacra, ou mesmo a LU-P 5901, que pasa polo castelo de Maside, e non digamos as estradas que levan á fervenza de Auga Caída, que é un dos puntos máis visitados do concello; están cheas de fochancas”.

 

Para o PP, a situación das estradas provinciais en Ferreira de Pantón é a gota que colma o vaso do cinismo político. Castiñeira di: “As acusacións da voceira do BNG ao alcalde de Pantón por non ter en bo estado as estradas  provinciais é algo que resulta cómico, vindo dunha persoa, a voceira do BNG, que é asesora na Deputación; é dicir, forma parte do equipo do bipartito que é cómplice e responsable  de ter as estradas de Pantón en tan mal estado”.

 

O portavoz popular declara: “Pedímoslle aos señores do PSOE e do BNG coherencia e, sobre todo, que haxa xestión;  queremos que as estradas provinciais non sexan un impedimento para o desenvolvemento turístico, que é peza fundamental na economía da Ribeira Sacra, en xeral, e de Ferreira de Pantón, en concreto”. Se non fora tan serio o problema, di o portavoz popular, “resultaría chistoso que unha asesora do bipartito na Deputación, organismo responsable das estradas provinciais, pretenda atribuír ao alcalde algún tipo de culpa no mal estado destas vías”.