A CEL traslada ao PP que tampouco renuncia ás variantes da liña Ourense-Lugo, pero PSOE e BNG opóñense na Deputación á súa execución

4cbdaa01b8e3923c907a7a82563748f9.JPG

PP de Lugo | 2021-03-30

A Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), a través do seu secretario xeral, Jaime López, trasladou á presidenta provincial, Elena Candia, que dita entidade tampouco renuncia ás variantes ferroviarias da liña Ourense-Lugo. Deste xeito, Elena Candia, que estivo acompañada tamén dos deputados autonómicos José Manuel Baleiro Orol, Cristina Sanz e Raquel Arias, continuou coa rolda de contactos cos distintos axentes socioeconómicos da provincia, co fin de recabar apoios para que o Goberno central non prescinda da construción destes enlaces, pois non executalos suporá eliminar á provincia do mapa da alta velocidade.

 

A CEL súmase así á ofensiva liderada polo PP, na que tamén se implicou á plataforma “Lugo... non perdas o tren”. Elena Candia trasladou que “o encontro enmárcase no obxectivo de evitar o agravio que supón a decisión do Executivo de Sánchez”. Proba delo, dixo, e que “xa o pedimos no Parlamento, hoxe na Deputación, e tamén no Congreso e no Senado”. “Valoramos o investimento, di Candia, pero non renunciamos á as variantes”.

 

Deste xeito, o que reclaman dende o PP é que o Goberno execute estas dúas variantes, tal e como estaban programadas no plan de modernización e mellora da liña ferroviaria Ourense-Lugo, e que permitirían reducir en 23 minutos o percorrido dos 117 quilómetros que separan por tren ambas as dúas capitais. A súa construción suporía, ademais, un valor engadido ao servir para conectar co AVE en Ourense e viaxar a Madrid en pouco máis de tres horas e cuarto.

 

Castigo de Sánchez a Lugo

Eliminar estas variantes sería unha medida restritiva máis das aplicadas polo Executivo de Sánchez aos lucenses e que daría continuidade á política de recortes aplica con anterioridade dende o ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana. Cómpre lembrar que José Luis Ábalo foi o responsable de reducir un 50% o investimento nas melloras desta conexión.

 

PSOE e BNG impiden a chegada da alta velocidade

Na mesma liña, os deputados provinciais defenderon na Deputación unha moción, co fin de recabar o apoio de toda a corporación e sumar así novos apoios para que o Goberno non deixe a Lugo sen alta velocidade “e de facer forza para non renunciar a estes compromisos e non ser cidadáns de terceira dentro do Estado español”, tal e como explicou o deputado José Antonio García. Finalmente, socialistas e nacionalistas votaron en contra da iniciativa popular, contribuíndo con elo a que Lugo quede sen alta velocidade.

 

Por este motivo, García lamentou “o enfado tan arrogante que presentou a deputada socialista, Pilar García Porto, para defender ao seu presidente do Goberno, pois non defende a ninguén máis”. A este respecto, o popular puxo en valor que en 2018 había un proxecto con prazos e logo veu a moción de censura que provocou que non se puidese concluír o proxecto que deixara encamiñado PP.

 

“Pedimos o que a esta provincia lle corresponde, que era co que estaba dacordo a provincia de Lugo. Ríanse de quen queira, pero non dos cidadáns que non son tontos. Vostedes, esta Deputación, que ten que ser a proa desta provincia, están abandonando o tren. Son os que se baixan do tren. Cambiaron o Goberno pero agora non cumpren. Ábalos dixo que se ían manter os compromisos e que a conexión ía estar en 2021, pero iso xa morreu. Non deixen en tan pouca estima esta Deputación. Vólvennos asoballar e vostedes dano por ben feito”, manifestou con claridade o popular na súa intervención.

 

“É moi triste o resumo. A Deputación de Lugo báixase do tren. Sigan extinguíndose en Galicia. Agora desdíganse. Hoxe perdemos o tren grazas aos seus votos”, concluíu García.