O senadores populares preguntan ao Goberno se recuperará os servizos ferroviarios cancelados en Lugo polo estado de alarma e se haberá alta velocidade na liña do Miño

PP de Lugo | 2021-01-08

Os senadores do PP pola provincia de Lugo, José Manuel Barreiro, Rosa Arza e Manuel Lorenzo Varela, presentan novas iniciativas en relación cos servizos ferroviarios en Lugo. Nesta ocasión, céntranse nos recortes aplicados na provincia ao fío da pandemia de covid 19 e na incidencia que poden ter os planes para a chamada liña do Miño.

 

Os populares indican que o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF) deu a coñecer nos primeiros días de xaneiro de 2021 a Declaración sobre a Rede, na que tradicionalmente se fai balance dos datos sobre as liñas ferroviarias do ano anterior. Nesta ocasión o informe recolle o impacto que tiveron as cancelacións masivas de trens producidas a raíz do estado de alarma e que en gran medida aínda non se restableceron. Os senadores lucenses do PP din: “No caso da provincia de Lugo polas súas vías férreas discorren dúas liñas de viaxeiros que ADIF denomina “León-A Coruña” e “Monforte-Redondela”. Segundo o informe Declaración sobre a Rede do ano pasado, en 2018 circulaban entre León e A Coruña unha media diaria de 17 trens. A finais de 2020, unicamente circulaban 7, o que supón un 60% menos. Esta liña conta, na actualidade, cunha saturación do 14%. É dicir, só circulan o 15% dos trens que a liña férrea podería soportar, mentres que o ano anterior a saturación era dun 21%.  A situación é peor aínda na liña de Monforte a Redondela: nesta, o tráfico medio hai un ano era de 29 trens diarios, mentres que na actualidade só circulan 13 trens de media, o que supón unha diminución do 66%. Respecto á saturación da liñas férrea, esta é do 18%, o que supón unha diminución do 8% respecto ao ano anterior”.

 

Os mesmos representantes populares sinalan que tanto Renfe como o Ministerio de Transportes aseguraron en distintas ocasións que os servizos iríanse recuperando conforme aumentase a demanda. Pero tanto usuarios como plataformas cidadáns sosteñen que tal recuperación non se dá e esixen a reposición dos servizos existentes antes do estado de alarma. Os senadores do PP por Lugo sinalan:  “Nun momento no que a distancia social é imperativa e mentres o despoboamento é un problema cada día maior, parece obrigado que os cidadáns reciban un servizo público que vertebre o territorio, que conecte áreas metropolitanas e zonas rurais, que fomente o turismo e que permita viaxar con todas as garantías de seguridade. O dereito á mobilidade debe estar por enriba das variables económicas cando estamos a falar dunha operadora pública e, en consecuencia, esta debe garantir que os cidadáns reciban este servizo público”. Preguntan ao Goberno cando recuperará o Ministerio de Transporte as liñas canceladas durante o estado de alarma en Lugo, e se ten pensado seguir recortando o número de trens na provincia lucense ao longo do ano que acaba de empezar.

 

Por outro lado, Barreiro, Arza e Varela ven con preocupación que “desde a instauración do estado de alarma, no pasado mes de marzo, a operadora pública Renfe aproveitou a conxuntura para desmantelar parte das conexións entre diferentes puntos da xeografía galega e mesmo desta comunidade autónoma con outras rexións de España. Moitos dos trens cancelados durante o confinamento non foron postos en marcha de novo, e a provincia de Lugo, e cidades como Monforte de Lemos en particular, foron gravemente afectadas por esta circunstancia”. Puntualizan que agora observan “con inquietude como outras liñas poden resultar prexudicadas, debido á adaptación do corredor atlántico transeuropeo de mercadorías ao seu paso por Galicia: as liñas de longa distancia e de alta velocidade que comunican Galicia co resto de España”.

 

Os mesmo senadores explican que “o trazado coñecido como a liña do Miño é un percorrido entre Ourense e Vigo que pasa por Monforte de Lemos e que nos próximos anos vai adaptarse ás características comúns de circulación que terán os corredores transeuropeos grazas a axudas comunitarias”. Engaden que, se ben “o obxectivo desta adaptación é mellorar de maneira substancial a liña, isto non debe repercutir negativamente no resto de comunicacións: nin nas de media distancia, que son un servizo público e que comunican cidades, vilas e aldeas da xeografía lucense nin nas de longa distancia, que facilitan os traslados, impulsan o turismo e evitan a marxinación da nosa terra debido ás súas características xeográficas”. Consideran imprescindible que o Ministerio de Transporte garanta o dereito dos cidadáns a contar con servizos de calidade e destacan que é urxente a modernización das liñas de ferrocarril, como é o caso da que une Vigo con Ourense e pasa por Monforte de Lemos.

 

Os populares queren saber como vai evitar o Goberno que a adaptación da liña do Miño ao trazado transeuropeo impida a alta velocidade nestas áreas. Preguntan tamén se o Goberno garante que non se verán prexudicadas as  comunicacións de media distancia na provincia de Lugo, co foco posto no medio rural e nas necesidades de mobilidade dos cidadáns. Igualmente, interésanse por coñecer se o Goberno ten previsto modernizar e aumentar os medios para a seguridade nas liñas ferroviarias ao seu paso pola provincia.