Os senadores do PP lucense esixen ao Goberno central “políticas activas e transversais” contra o despoboamento do rural lucense

PP de Lugo | 2021-01-05

Os senadores do PP da provincia de Lugo- Xosé Manuel  Barreiro, Rosa Arza e Manuel Varela- esixen ao Goberno central “traballar en medidas concretas para as zonas despoboadas ou en risco de despoboamento e, á vez, pensar tamén nas zonas rurais á hora de lexislar para evitar a súa discriminación”. 

 

Os populares propoñen ante a Comisión de Despoblación y Reto Demográfico da Cámara Alta distintas iniciativas dirixidas a implementar políticas activas e transversais que consigan dinamizar, vertebrar e fixar poboación no rural lucense co obxectivo de paliar o problema do despoboamento que afecta á nosa provincia que foi, segundo os datos que se veñen de coñecer recentemente, a que máis poboación perdeu no 2020 en Galicia.

 

Os populares sinalan tamén que “a provincia de Lugo perdeu máis de 160.000 habitantes en sete décadas pasando de ocupar o número 12 na lista de provincias máis poboadas de España ao número 37 segundo os datos dun informe publicado polo Círculo de Empresarios de Galicia en xaneiro do 2020. Na década dos 50 repartíanse polo territorio lucense 450.000 cidadáns -e 53.000 na capital-, mentres que na actualidade viven no rural lucense menos de 230.000 persoas”. 

 

Así mesmo, os senadores do PP lucense fan fincapé nos altos índices de envellecemento da poboación e as baixas taxas de natalidade, ademais da dispersión da poboación na nosa provincia. Polo tanto, cren que as infraestruturas resultan esenciais para facilitar os desprazamentos dos veciños e por iso consideran imprescindible dotar á provincia de vías de comunicación terrestre suficientes e de estradas rápidas e seguras. 

 

Infraestruturas e conexión á Internet


Ante o desmantelamento progresivo, e particularmente con motivo do estado de alarma, da operadora ferroviaria pública Renfe na provincia e da existencia de tres autovías sen rematar como son a A-54 (Lugo – Santiago de Compostela); a A-74 (A Mariña lucense); e a A-56 (Lugo-Ourense); os populares instan ao Goberno a evitar o desmantelamento dos servizos públicos de transporte ferroviario e a comprometerse a finalizar as obras nas autovías que vertebran a nosa provincia e a conectan co resto de Galicia.

 

Actualmente, tal e como quedou demostrado durante o estado de alarma, as comunicacións vía internet resultan esenciais para a vida persoal como laboral ou estudantil e, polo tanto, para asentar poboación no rural tamén é necesario dotar ao territorio deste tipo de servizos contribuíndo a reducir a fenda dixital. “O Goberno de Galicia destinou nos últimos años centos de miles de euros en axudas a familias e empresas para acceder a Internet vía satélite nas zonas con máis dificultades de cobertura”; pero “o Goberno central debe contribuír tamén a erradicar esta fenda dixital”, engaden. Así, instan ao Executivo estatal a facilitar o acceso a internet na provincia de Lugo e a crear un marco que garanta o acceso a internet de todos os cidadáns mediante a concesión de axudas a empresas e a particulares.

 

Incentivos fiscais, eliminación de burocracia e discriminación positiva

Os populares defenden o rural como “espazo de modernidade e calidade de vida” e cren que “é sinónimo de oportunidade”. Nese sentido, poñen en valor a nova lei que prepara a Xunta e que será pioneira na maioría dos países da UE, a Lei de recuperación da terra agraria, que promoverá a recuperación de terreos abandonados para darlles unha nova oportunidade e facilitar, á súa vez, o acceso a base territorial para as persoas que queiran traballar as terras. Ademais, das aldeas modelo, os polígonos agroforestais e as agrupacións de xestión conxunta, a Xunta servirase tamén de incentivos fiscais para lograr os obxectivos do relevo xeracional e o aumento do emprego no rural. Xa que “o reto demográfico é unha cuestión de Estado”, instan ao Goberno a coordinarse co Executivo autonómico para reverter esta problemática e a impulsar incentivos fiscais para facilitar o asentamento da poboación nas zonas rurais de Galicia e da nosa provincia.

 

Na liña de establecer incentivos que motiven ás persoas a emprender e instalarse en zonas rurais da provincia de Lugo; Barreiro, Arza e Varela defenden a rebaixa de impostos a autónomos das zonas rurais, o establecemento de políticas de discriminación positiva e a eliminación da burocracia para facilitar a instalación de novos proxectos empresariais e o asentamento das familias.

 

Propostas do PP da provincia para combater o despoboamento

Os populares lucenses teñen demostrado a súa preocupación pola continua perda de  poboación da maioría dos concellos da provincia. De feito, o Partido Popular lucense baixo a dirección da súa presidenta provincial, Elena Candia, promoveu unhas xornadas de debate baixo a denominación O Reto Demográfico. Máis Rural, Máis Lugo nas que  recoñecidos especialistas en diferentes áreas aportaron ideas, suxestións e experiencias para frear o despoboamento. 

 

Así mesmo, dende o Grupo Provincial do PP veñen de demandarlle ao goberno provincial un plan para combater o despoboamento e mellorar a demografía da nosa provincia deseñado en coordinación cos concellos e o tecido socio-económico e consensuado coa oposición. O portavoz, Javier Castiñeira, ten manifestado que “foi unha moi mala decisión do goberno da Deputación eliminar das bases do Plan Único 2021 a loita contra o despoboamento. A proposta feita polo PP foi aceptada o ano pasado, pero retirada polo goberno provincial no Plan Único para este ano”, denuncia