O PP insta ao goberno provincial a xestionar a limpeza da canle do río no Parque do Rato, totalmente cuberta pola maleza nalgúns tramos

9fcc33337cd69d54be9cdad9d202e62a.JPG

PP de Lugo | 2021-06-09

Unha das grandes iniciativas executadas no pasado pola Deputación na capital da provincia é o Parque do Rato, un ámbito usado a diario por miles de persoas para pasear e facer exercicio físico. O mantemento depende da Deputación; é manifestamente mellorable no conxunto do parque. Pero, no que afecta á canle do río, non existe tal mantemento, polo que nalgúns tramos está absolutamente cuberto de maleza, de xeito que non se ve a auga. Por este motivo, son frecuentes as protestas dos usuarios desta importante zona de lecer. O grupo provincial do PP insta ao goberno provincial a xestionar a eliminación da maleza da canle do río, ben directamente, despois de conseguir a necesaria autorización da Confederación Hidrográfica, ou ben demandando da propia Confederación que leve a cabo a limpeza.

 

O deputado popular Óscar Poy lembra que a Confederación asume cada ano a limpeza dalgúns tramos de ríos na provincia de Lugo. Pero ao Rato parece que non lle toca entrar na programación da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, organismo presidido, como é sabido, por un socialista con cargo de alta responsabilidade no PSdeG. Poy sinala: “O Parque do Rato é unha das mellores zonas verdes que ten a Deputación. E tendo en conta que o presidente da Deputación e o presidente da Confederación Hidrográfica son do mesmo partido, non se entende moi ben por que o Rato está como está. Non quero dicir que non se entendan, pero os feitos non din nada a favor do seu bo entendemento”. Demanda tamén a reposición de elementos deteriorados, como é unha pequena ponte de madeira que leva moito tempo inutilizada, así como o antigo recinto de xogos infantís

 

Poy sinala: “O mantemento que fai a Deputación do Parque do Rato e moi mellorable, pero aínda así resulta moi chamativo o feito de que mentres, en xeral, está ben rozado, a canle do río está totalmente cuberta de maleza, ata ao punto de que en moitos tramos non se sabe se leva auga o se non leva”.

 

O mesmo deputado di: “O presidente Tomé ten que tomar decisións tamén nisto, porque iso é gobernar. Ou ben consigue o permiso da Confederación para limpar directamente a canle do río, ou busca a maneira de que sexa a propia CHMS a que faga o traballo. É hai que facelo xa, porque está que dá pena. Non parece unha tarefa imposible incluso para un presidente como Tomé”.