A rehabilitación do Mosteiro de San Salvador, unha reivindicación constante do Grupo Municipal Popular, obtén financiamento do Plan Xacobeo

PP de Lugo | 2021-06-21

O voceiro do Grupo Municipal Popular de Lourenzá, Javier Rodríguez Barrera, sinala que “a rehabilitación do Mosteiro de San Salvador é unha reivindicación constante do PP local” que “sempre defendemos a súa conservación e posta en valor desta construción barroca que foi declarada Monumento histórico-artístico en 1974 e que, ademais, constitúe un sinal de identidade do noso pobo”.

 

O popular valora, polo tanto, o anuncio do investimento de 2 millóns de euros para a súa rehabilitación, dentro do Plan Nacional de Turismo Xacobeo 2021-2022, e agradece á Xunta as xestións realizadas; xa que “o Goberno galego tivo en conta o noso mosteiro e introduciu entre as propostas enviadas ao Goberno central para recollelas neste plan o investimento para financiar as súas obras”.

 

“É unha boa nova para Lourenzá que celebramos todos os veciños”, manifestou Rodríguez Barrera que sempre defendeu que se trata “dun ben de todos”. De feito, “a restauración do Mosteiro e o seu uso público é a vontade da maioría dos laurentinos”.

 

Cesión do Mosteiro ao Concello

O Grupo Municipal do PP de Lourenzá lograra a creación dunha mesa de traballo integrada por representantes dos distintos grupos políticos e asociacións en representación dos veciños para facer seguimento das accións levadas a cabo dende o Concello ante o Bispado para cesión do Mosteiro de San Salvador e debater sobre o uso do inmoble.

 

Un referente económico, social e cultural

Rodríguez cre que “o mosteiro ten que volver a ser, como o foi na súa época, un referente importante para Lourenzá tanto económica coma socialmente tendo en conta, ademais, que se atopa en pleno Camiño de Santiago”. Nesa liña, defende que “ten que servir para xerar emprego relacionado cos seus distintos usos -tanto sociais coma turísticos, etc.- e, ao mesmo tempo, consolidarse como un referente cultural”.